10 novembro 2026

Os centros educativos do Baixo Miño poñen en marcha unha nova campaña solidaria de recollida de alimentos




 








Os colexios e institutos de Tui, Tomiño, O Rosal e Oia volveron sumarse, un ano máis, á campaña solidaria de recollida de alimentos destinados a preparar almorzos e merendas para as familias que atende a Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño.

Esta iniciativa solidaria, que xa se converteu nunha cita habitual nos centros educativos da comarca, busca contribuír a cubrir as necesidades básicas das familias que están a atravesar unha situación de dificultade, facendo especial fincapé na alimentación dos máis pequenos.

Desde a Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todo o alumnado, ás familias, aos equipos directivos e ao profesorado pola súa implicación e colaboración nesta campaña.

Un ano máis, a solidariedade da comunidade educativa demostra que, coa participación de todos, podemos chegar a quen máis o necesita.

Grazas por sumar, por colaborar e por facer posible que quen o precisa teña o que necesita.

06 novembro 2026

A Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño e a Residencia San Telmo de Tui renovan o seu convenio de colaboración.


 

A Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño e a Residencia San Telmo de Tui veñen de renovar o seu convenio de colaboración, unha relación de cooperación social que se mantén desde o ano 2021 e que ambas entidades continúan reforzando co obxectivo de mellorar a atención ás persoas.

Este convenio nace coa finalidade de establecer un marco de colaboración mutua entre ambas institucións, favorecendo o traballo conxunto, a cooperación e o desenvolvemento de accións que contribúan ao benestar das persoas usuarias.

Desde que comezaron a colaborar en 2021, ambas entidades veñen sumando esforzos e recursos, convencidas de que o traballo en rede e a colaboración entre organizacións sociais son fundamentais para ofrecer unha atención máis próxima, integral e de maior calidade.

A renovación deste acordo supón, polo tanto, dar continuidade a unha relación baseada no compromiso social, na cooperación e na vontade compartida de seguir traballando polas persoas.

Porque o verdadeiro resultado desta colaboración é unha mellor atención ás persoas, que son sempre o centro e a razón de ser do traballo de ambas entidades.

03 novembro 2026

SOS Tomiño Baixo Miño: compromiso e atención ás persoas


A Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño leva anos desenvolvendo un importante labor de apoio e acompañamento ás persoas e familias que precisan axuda nos concellos de Tomiño, Tui, O Rosal e Oia.

Ao longo destes anos, a asociación atendeu un total de 827 solicitudes de axuda, distribuídas do seguinte xeito:

  • Tomiño: 310 solicitudes atendidas desde o ano 2009.

  • Tui: 380 solicitudes atendidas desde o ano 2014.

  • O Rosal: 75 solicitudes atendidas desde o ano 2016.

  • Oia: 62 solicitudes atendidas desde o ano 2019.

Detrás de cada unha destas cifras hai persoas, familias e realidades que precisan atención, escoita e apoio. Cada expediente representa unha situación particular e un esforzo por ofrecer unha resposta solidaria a quen máis o necesita.

Todo este traballo é posible grazas ao labor desinteresado das persoas voluntarias, que, con compromiso, responsabilidade e dedicación constante, fan posible que a asociación continúe desenvolvendo a súa actividade e estando ao carón da veciñanza.

Desde SOS Tomiño Baixo Miño queremos poñer en valor este labor colectivo, realizado con humanidade, proximidade e solidariedade, así como agradecer a todas as persoas voluntarias o seu tempo e esforzo. O seu traballo é unha peza fundamental para seguir construíndo unha comunidade máis xusta, solidaria e comprometida co benestar das persoas.

Porque detrás de cada expediente hai unha historia, unha necesidade e unha oportunidade para axudar.